Deboura Cinema presenta os videoxogos d'O Pequeno Mago



Bieito Dubidoso é protagonista da película de debuxos animados “O Pequeno Mago” onde se recría a historia da cidade de Tui na Idade Media, as invasións normandas, as loitas polo poder e as intrigas dos que gobernaban.

Deboura Cinema, empresa produtora da película, tamén editou uns videoxogos utilizando como base a banda sonora e as ilustracións del filme. Neles os usuarios poden acceder, segundo o nivel de dificultade que escollan, a diversas historias baseadas en el argumento. Os videoxogos ademais de ser de diferentes temáticas poden xogarse individualmente ou en grupo.




Publícase "O Pequeno Mago"

"O Pequeno Mago"
Vense de publicar por Edicións Xerais un libriño para nenos escrito por Roque Cameselle titulado “O Pequeno Mago” onde resúmese a historia do neno Bieito Dubidoso, da súa amiga Destreza e da súa familia, e mais as súas loitas, alá pola Idade Media, por librar a Tui da tiranía do bispo Xoán señor da cidade. A historia que vai acompañada das fermosas ilustracións de Xevi Benítez é un resumo novelado do guión da película de debuxos animados do mesmo titulo dirixida por Roque Cameselle e producida por Deboura Cinema.   

As paixases de "O pequeno mago" (3)

Deboura Cinema presenta as paisaxes de “O pequeno mago”
LEVÍ HOMEDOURO (3)
A RUTA DOS XUDEUS A TUI

Bocetos previos para Leví Homedouro


Bocetos previos para Leví Homedouro 

Leví Homedouro

 
O terceiro dos lugares que aparece na historia de Bieto Dubidoso ten máis consideración de lugares en plural en canto que é a ruta que os xudeus que habitaban Tui seguiron na súa peregrinaxe en procura de negocio e tranquilidade. Fala dun home chamado Leví Homedouro, que recorda no seu apelido aos askanazís Goldman– cousa rara en verdade, pois os que habitaban na terra de Sefarad usaban máis ben outros nomes. Se cadra foi o cronista que en irónica viravolta transformou os Méndez ou Coronel que aparecen nos sambenitos de Tui por este máis sonoro e evocador na modernidade.

Chamase de apelido como se chamara,de primeiro nome era Leví e tiña de profesión prestar cartos. Antes vivira en Medina do Campo na fronteiriza Castela dedicado a fornecer recursos económicos aos mouros e aos cristiáns que enfrontábanse naquela guerra de escaramuzas estivais. Máis tarde,coa guerra de Castela, desprazada cara ao Sur, foi que soubo do camiño que transportaba de Europa a Compostela moreas de peregrinos, e mirou alí oportunidade de negocio. Aproveitou as bulas que o rei Afonso VI promulgou a favor do establecemento no seu Reino dos da súa estirpe e crenzas. E cando soubo das disputas– por romper en dous á coitada Galicia–, entre os curmáns Henrique e Raimundo de Borgoña casados coas dúas fillas do rei : Urraca e Tareixa, non dubidou en establecerse na parte máis extrema dos dominios reais: as Terras Galegas. Primeiro en Ribadavia, despois na cidade de Tui, onde o encontramos na cerna da historia de Bieito Dubidoso como habilidoso administrados das barcas do Miño propiedade do Bispado, e coma pai de Sara, muller nova de cultura marabillosa e decisiva influencia nas peripecias que se contan.

As paixases en "O pequeno mago" (2)

Deboura Cinema presenta as paisaxes de “O pequeno mago”
RÍO MIÑO(2)


Aínda non era o río Miño a Raia fronteiriza entre o Reino de Galicia e o Condado de Portugal, pois esta separación marcábana os confíns do río Cávado perto da cidade de Braga.

Estamos nos comezos do conto de “O pequeno mago”. Uns piratas normandos desprázanse polo brando coitelo de auga que cortará máis tarde a Galicia en dúas partes, converténdoas en ambos dous reinos: separados para sempre o Portugal e mais a Galicia. Bandidos ao asalto marchando ás présas, vogan silandeiros sobre as súas augas, embozados na tardiña. E o guión cóntalo así:

Nas marxes ningunha edificación. Atardecida a luz contra o observador, cinco barcos de velas de coiro, bastos mascaróns de proa e remos de vigoroso pulo aproxímanse cara á cámara, pegados ó arboredo da beira do río. Só un plano próximo permite ver os detalles pois debido ó sol baixo da tarde no primeiro enfoque son a penas unha sombra escura que se move velozmente empurrados polo movemento rítmico e vizoso dos remos. Sixilo.

No mesmo río comezan a verse algunhas casas nas marxes. Un enfoque lateral dos navíos (agora recoñécense claramente viquingos) permite que os espectadores miren a imaxe dende perto dun viquingo xigante, de cabeza pequena, suxeito ao pau da vela ­–ou suxeitándoa, que ben non se pode saber pola comparanza desproporcionada dos volumes de ambos dous: cousa e home–.Un outro, homiño de grandes bigotes e baixote, tanto que case os arrastra polo chan, dá un salto a ombro do xefe, e quedando alí prendido tal un loro, bísballe á orella mentres que sinala un can, que lles late dende unha torre de madeira posta as agachadas entre as árbores da beira do río.

O xefe viquingo olla cara alí.


As paisaxes en "O pequeno mago" (1)

Deboura Cinema presenta as paisaxes de “O pequeno mago”
Toda acción é debedora dos personaxes ca executan e estes son dependentes das paisaxes, que son o medio no que os seus actos han de suceder.

Temos falado dos personaxes de "O pequeno mago". Entre o feixe que compoñen a historia, fixemos unha escolma de quince. Máis por simpatía, se callar. que por importancia. No mesmo número, e a seguir igual criterio  poremos a continuación quince parágrafos sobre once paisaxes da película, co desexo que lle gusten aos que teñan a paciencia de léelos. Temos pedido emprestada a voz da descrición á novela Bieito Dubidoso, para non ter que tirar de fotografías que naquel tempo non había.

TUI (1)





Lugar de nacemento dos Cabaledo

“Nacera Bieito Dubidoso na cidade de Tui, punto equidistante entre as capitais galegas de Compostela e de Braga, e polo tanto lugar de máxima tensión nas súas disputas e nas dos dous arcebispados que as gobernaban.

Xelmírez, arcebispo de Compostela, comezara as discordias co roubo dunhas reliquias que pertencían á diocese de Braga, entre elas a moi milagreira de san Cucufate, así como o corpo incorrupto de san Frutuoso mártir, no intento de franquearlle calquera concorrencia ás peregrinacións xacobeas. Esa guerra intermitente –que remataría na partición do reino de Galicia en dous, ao se converter o condado de Portugal en reino grazas á axuda interesada das autoridades de Roma (Bula do papa Celestino II, ratificada por morrer denantes chegar os documentos asinados dende Portugal, pelo seu sucesor Lucio II) –, foi o escenario onde a maxia de Dubidoso se mostraría diante dos ollos admirados da xente, pois a súa vida, que transcorreu entre os anos 1143 e 1225, coincidiría como nunha conxunción de astros coa época máis fermosa da historia de Galicia, a súa terra.