Deboura Cinema: Bispo Xoan

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(5)



Personaxe histórico, aínda que non fielmente retratado, era un home dunha beleza tan extraordinaria coma a súa ambición.

Malo oficial da película, mirase reflectido no espello de Bieito Dubidoso onde non se querería mirar porque non é, nin vai poder ser nunca tal el.

Intelixente, arteiro e sen escrúpulos non dubidará en usar calquera medio para defender os seus intereses, calquera arma para prexudicar a Bieito Dubidoso.

Deboura Cinema: A nai de Bieito

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(4)



A dona de Pedro Cabaledo dedícase á administración da casagrande que posúen xunto ao río Miño.

Como a case totalidade das mulleres daquel tempo non sabe ler nin escribir na lingua que fala, que é o galego. O que a diferenza do común das mulleres non é só a súa riqueza, senón que é quen de ler o arameo.

Esta muller, feliz ata a extenuación, xuntou coa forza dunha paixón adolescente o amor e o matrimonio nun tempo en que adoitaban estar separados. Tivo unha única desgraza na vida, non puido aturar o que ela considerou a traizón do home.

Deboura Cinema: Pedro Cabaledo

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(3)




É o pai de Bieito. Ricohome da cidade de Tui, respectado por cabal e boa persoa cae nas redes tendidas polo inimigo do seu fillo o Bispo Xoán, señor e amo da Vila.

Comerciante esmerado en xílgaros e viños non é nobre, pero posúe os mesmos privilexios. Verá a súa vida turbada por a rifa entre Bieito e o Bispo que aínda que lle é allea, vai convertelo na súa principal vítima.

Pedro Cabaledo é o arquetipo dos vilegos que a partires do século XII fixeron nas cidades un reduto de resistencia contra o atraso e a escuridade que impuñan os grandes señores daqueles tempos. Punto de partida da prosperidade que gozarían algunhas das nosas vilas.

Deboura Cinema: Destreza

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(2)



Secuestrada polos piratas normandos que asolaron as costas galegas naquel tempo, foi liberada pola familia de Bieito Dubidoso no primeiro dos prodixios que este, aínda neno, executaría á vista da xente.

Dende aquela, ficou como compañeira inseparable de xogos e aventuras, de desgrazas e felicidades.

Manterían un amor apaixonado sen palabras nin recoñecementos, medorentos, tal vez, de estar a cometer unha equivocación.

Deboura Cinema: O pequeno mago

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”       
(1)



Bieito Dubidoso é o protagonista da historia. A súa vida abarca o período de florecemento político e cultural máis salientable de Galicia, e ao mesmo tempo coincide co auxe das grandes peregrinacións a Santiago de Compostela.

Nace en Tui, cidade equidistante de Braga e Compostela os dous grandes poderes eclesiásticos galegos en conflito. Dende novo, a súa portentosa habilidade cos xogos de maxia e o seu carácter pousado propiciarán a súa proximidade aos protagonistas históricos da época.

Despois de todo, o noso Bieito puido existir, aínda que se cadra usaría outro nome.