Mostrando entradas con la etiqueta O pequeno mago. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O pequeno mago. Mostrar todas las entradas

Deboura Cinema presenta os videoxogos d'O Pequeno Mago



Bieito Dubidoso é protagonista da película de debuxos animados “O Pequeno Mago” onde se recría a historia da cidade de Tui na Idade Media, as invasións normandas, as loitas polo poder e as intrigas dos que gobernaban.

Deboura Cinema, empresa produtora da película, tamén editou uns videoxogos utilizando como base a banda sonora e as ilustracións del filme. Neles os usuarios poden acceder, segundo o nivel de dificultade que escollan, a diversas historias baseadas en el argumento. Os videoxogos ademais de ser de diferentes temáticas poden xogarse individualmente ou en grupo.




Publícase "O Pequeno Mago"

"O Pequeno Mago"
Vense de publicar por Edicións Xerais un libriño para nenos escrito por Roque Cameselle titulado “O Pequeno Mago” onde resúmese a historia do neno Bieito Dubidoso, da súa amiga Destreza e da súa familia, e mais as súas loitas, alá pola Idade Media, por librar a Tui da tiranía do bispo Xoán señor da cidade. A historia que vai acompañada das fermosas ilustracións de Xevi Benítez é un resumo novelado do guión da película de debuxos animados do mesmo titulo dirixida por Roque Cameselle e producida por Deboura Cinema.   

As paixases de "O pequeno mago" (3)

Deboura Cinema presenta as paisaxes de “O pequeno mago”
LEVÍ HOMEDOURO (3)
A RUTA DOS XUDEUS A TUI

Bocetos previos para Leví Homedouro


Bocetos previos para Leví Homedouro 

Leví Homedouro

 
O terceiro dos lugares que aparece na historia de Bieto Dubidoso ten máis consideración de lugares en plural en canto que é a ruta que os xudeus que habitaban Tui seguiron na súa peregrinaxe en procura de negocio e tranquilidade. Fala dun home chamado Leví Homedouro, que recorda no seu apelido aos askanazís Goldman– cousa rara en verdade, pois os que habitaban na terra de Sefarad usaban máis ben outros nomes. Se cadra foi o cronista que en irónica viravolta transformou os Méndez ou Coronel que aparecen nos sambenitos de Tui por este máis sonoro e evocador na modernidade.

Chamase de apelido como se chamara,de primeiro nome era Leví e tiña de profesión prestar cartos. Antes vivira en Medina do Campo na fronteiriza Castela dedicado a fornecer recursos económicos aos mouros e aos cristiáns que enfrontábanse naquela guerra de escaramuzas estivais. Máis tarde,coa guerra de Castela, desprazada cara ao Sur, foi que soubo do camiño que transportaba de Europa a Compostela moreas de peregrinos, e mirou alí oportunidade de negocio. Aproveitou as bulas que o rei Afonso VI promulgou a favor do establecemento no seu Reino dos da súa estirpe e crenzas. E cando soubo das disputas– por romper en dous á coitada Galicia–, entre os curmáns Henrique e Raimundo de Borgoña casados coas dúas fillas do rei : Urraca e Tareixa, non dubidou en establecerse na parte máis extrema dos dominios reais: as Terras Galegas. Primeiro en Ribadavia, despois na cidade de Tui, onde o encontramos na cerna da historia de Bieito Dubidoso como habilidoso administrados das barcas do Miño propiedade do Bispado, e coma pai de Sara, muller nova de cultura marabillosa e decisiva influencia nas peripecias que se contan.

As paixases en "O pequeno mago" (2)

Deboura Cinema presenta as paisaxes de “O pequeno mago”
RÍO MIÑO(2)


Aínda non era o río Miño a Raia fronteiriza entre o Reino de Galicia e o Condado de Portugal, pois esta separación marcábana os confíns do río Cávado perto da cidade de Braga.

Estamos nos comezos do conto de “O pequeno mago”. Uns piratas normandos desprázanse polo brando coitelo de auga que cortará máis tarde a Galicia en dúas partes, converténdoas en ambos dous reinos: separados para sempre o Portugal e mais a Galicia. Bandidos ao asalto marchando ás présas, vogan silandeiros sobre as súas augas, embozados na tardiña. E o guión cóntalo así:

Nas marxes ningunha edificación. Atardecida a luz contra o observador, cinco barcos de velas de coiro, bastos mascaróns de proa e remos de vigoroso pulo aproxímanse cara á cámara, pegados ó arboredo da beira do río. Só un plano próximo permite ver os detalles pois debido ó sol baixo da tarde no primeiro enfoque son a penas unha sombra escura que se move velozmente empurrados polo movemento rítmico e vizoso dos remos. Sixilo.

No mesmo río comezan a verse algunhas casas nas marxes. Un enfoque lateral dos navíos (agora recoñécense claramente viquingos) permite que os espectadores miren a imaxe dende perto dun viquingo xigante, de cabeza pequena, suxeito ao pau da vela ­–ou suxeitándoa, que ben non se pode saber pola comparanza desproporcionada dos volumes de ambos dous: cousa e home–.Un outro, homiño de grandes bigotes e baixote, tanto que case os arrastra polo chan, dá un salto a ombro do xefe, e quedando alí prendido tal un loro, bísballe á orella mentres que sinala un can, que lles late dende unha torre de madeira posta as agachadas entre as árbores da beira do río.

O xefe viquingo olla cara alí.


As paisaxes en "O pequeno mago" (1)

Deboura Cinema presenta as paisaxes de “O pequeno mago”
Toda acción é debedora dos personaxes ca executan e estes son dependentes das paisaxes, que son o medio no que os seus actos han de suceder.

Temos falado dos personaxes de "O pequeno mago". Entre o feixe que compoñen a historia, fixemos unha escolma de quince. Máis por simpatía, se callar. que por importancia. No mesmo número, e a seguir igual criterio  poremos a continuación quince parágrafos sobre once paisaxes da película, co desexo que lle gusten aos que teñan a paciencia de léelos. Temos pedido emprestada a voz da descrición á novela Bieito Dubidoso, para non ter que tirar de fotografías que naquel tempo non había.

TUI (1)





Lugar de nacemento dos Cabaledo

“Nacera Bieito Dubidoso na cidade de Tui, punto equidistante entre as capitais galegas de Compostela e de Braga, e polo tanto lugar de máxima tensión nas súas disputas e nas dos dous arcebispados que as gobernaban.

Xelmírez, arcebispo de Compostela, comezara as discordias co roubo dunhas reliquias que pertencían á diocese de Braga, entre elas a moi milagreira de san Cucufate, así como o corpo incorrupto de san Frutuoso mártir, no intento de franquearlle calquera concorrencia ás peregrinacións xacobeas. Esa guerra intermitente –que remataría na partición do reino de Galicia en dous, ao se converter o condado de Portugal en reino grazas á axuda interesada das autoridades de Roma (Bula do papa Celestino II, ratificada por morrer denantes chegar os documentos asinados dende Portugal, pelo seu sucesor Lucio II) –, foi o escenario onde a maxia de Dubidoso se mostraría diante dos ollos admirados da xente, pois a súa vida, que transcorreu entre os anos 1143 e 1225, coincidiría como nunha conxunción de astros coa época máis fermosa da historia de Galicia, a súa terra.

Deboura Cinema: Verdial

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(15)





Con Verdial rematamos o percorrido polos personaxes máis salientables da película “O pequeno mago”. E o facemos ––non cunha escolla feita ao chou ou levada polo antollo senón ––: porque o Verdial representa como ningún deles a grande alegoría, que sobre a historia de Idade Media en Galicia, tenta ser a nósa pequena película. Polo mesmo motivo dedicarémoslle a Verdial unha próxima entrada no Blog.



Hai xente que cando examinamos a súa vida podemos reconstruír a historia dos seus pobos. Hai personaxes que eles sos caracterizan todos-os protagonistas, tódalas paisaxes e os avatares dunha novela. Hai vocábulos aos cales foron atribuídos tódolos epítetos, calquera xenuína acepción que o máis recóndito e ensarillado linguaxe dun poeta puidese imaxinar. Verdial o druída é o sintagma da novela “O mago Dubidoso”. A condensación do todo.O resumo ideal do relato.

A novela e a película, cuxos personaxes terminamos de describir con Verdial, é o relato da batalla da luz contra a escuridade, da ciencia contra a superstición, da habilidade contra a torpeza.

Como diría Arthur C. Clarke oitocentos anos máis tarde: «Toda tecnoloxía o bastante avanzada é indistinguible da maxia». Verdial e o seu pequeno discípulo Bieito Dubidoso tratan de demostralo, e conségueno.


Deboura Cinema: Tui

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(14)





Hai xente que din que as cousas coma as persoas posúen corpo e mais alma. Non hai acordo nin o haberá o máis seguro nunca. O que nós non temos dúbida algunha é que Tui ten alma propia de xente na nosa película “O pequeno mago”. E como un personaxe máis —e dos protagonista— se comporta na trama. Sofre de odios e afectos, de desgrazas e xúbilos, de premios e castigos, conmóvese coas cantigas de amor, aborrecese coas de maldicir.

Tui deitado ao carón do río Miño non é un espectador de pedra, é un mundo desbordado de sentimentos fluíndo ao par do auga.

Deboura Cinema: O can e o Vixía

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(13)




Os vixías teñen que dominar a arte de durmir cun ollo alerta. Se o dominan, mas pásanse de comellóns a habelencia quédalles anulada. Iso ocorreulle ao soldado do vixiador máis importante da cidade de Tui, por adiantado, por acubillado nos caneiros do río. O roncar e profundidade do sono o fixeron visible a el e invisible aos invasores. Mal negocio para o soldado e mais para cidade.

Deboura Cinema: O Fámulo

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(12)



Mordomo do Bispo, home para lle solucionar ao seu amo as desconfianzas co acosan noite e día.

Aínda que fala ao bisbo, a súa voz coma as das serpes, métese nos corpos da xente con estouro de trebón, con ferida de relampo; mais en orde inverso que na natureza. Non mira nunca de fronte, pero se te cae o seu esguello sábeste condenado inexorable de traizón.

Deboura Cinema: Teodulfa

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(11)


Teodulfa non sabe nin ler nin escribir. Nin falta que lle fai, di ela. Que bástalle con mirar aos ollos da xente para lle ver as intencións, aínda que sexa de costas. Ten unha soa lealdade na súa vida: á casa dos señores de Cabaledo, “os meus patróns.” A súa maior amizade é María Exipciaca, e ––por un misterio máis difícil de entender co da Santísima Trindade, e de reciprocidade transitiva (Que raios quererá dicir iso?!)–, a súa máis grande inimizade tamén é a mesma, María Exipciaca. O que máis ou menos ven implicar, aplicado ás dúas amigas-inimigas: “A esa lurpia non a podo mirar nin en pintura, pero á miña amiga do alma que non a toque un cabelo ninguén, e menos que falen mal dela, e peor que non nos separen, e se teño un segredo a quen llo vou a contar se non é a ela, pero iso si: non a podo nin ver, e viceversa.” ...? “Punto en boca, basta de lerias, que teño moito que facer.”

Deboura Cinema: María Exipciaca

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(10)


Escrava moura orixinaria do delta do Nilo, que grazas ao pago de rescate, traballaba de criada libre na casa dos Cabaledo. O nome puxérallo, no momento do bautizo, o deán da parroquia de San Cucufate. Home moi lector e especialmente afeccionado a Terenci Moix, escritor que nacería oitocentos anos despois e cuxas obras lía sen parar atopándose o nome da santa de continuo, pois o autor era grande devoto dela.

Deboura Cinema: O Xefe dos Viquingos

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(9)



Dun pobo coa escaseza de compañeira cotián, servíronse do pillaxe para se procurar os recursos que precisaban e que a súa terra e o seu clima sen clemencia lles negaba.

Bandidos, piratas, violentos, non por vicio se non por necesidade fixéronse a máis temible das pragas nun tempo de pragas terribles.

Deboura Cinema: Perdiz

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(8)



O fiel criado da casa de Cabaledo é un home de tan poucas palabras que ata semella mudo. Traballa para o seu patrón sumido no silencio no que escoita cos ollos o canto dos xílgaros os quen ten que coidar e seleccionar no traballo do seu patrón.

As penas e as ledicias da familia son as súas propias e nunca dubida de parte de quen ten que estar.

Deboura Cinema: O Frade Jaztabel

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(7)



Morador en Tui dende as invasións normandas, semella que a súa conversión máis tivo que ver coa comenencia que coa convicción.

Intérprete de linguas alleas e nordesías, demostra no encontro con seus paisanos a súa covardía e a súa lealdade rotatoria coma dun cataventos.

Deboura Cinema: Sara Homedouro

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(6)



Sara Homedouro, filla única dun xudeu viúvo, comerciante en cartos, prestamista do Bispo, e que foi educada polo pai nunha educación reservada naquel tempo aos homes: na sabedoría das linguas e o coñecemento dos libros en árabe, latín e grego. Desas lecturas conseguiu unha cultura que salienta entre a dos seus veciños. Isto facilítalle que cando Pedro Cabaledo procure un preceptor para o seu fillo, ela sexa admitida para o traballo.

Deboura Cinema: Bispo Xoan

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(5)



Personaxe histórico, aínda que non fielmente retratado, era un home dunha beleza tan extraordinaria coma a súa ambición.

Malo oficial da película, mirase reflectido no espello de Bieito Dubidoso onde non se querería mirar porque non é, nin vai poder ser nunca tal el.

Intelixente, arteiro e sen escrúpulos non dubidará en usar calquera medio para defender os seus intereses, calquera arma para prexudicar a Bieito Dubidoso.

Deboura Cinema: A nai de Bieito

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(4)



A dona de Pedro Cabaledo dedícase á administración da casagrande que posúen xunto ao río Miño.

Como a case totalidade das mulleres daquel tempo non sabe ler nin escribir na lingua que fala, que é o galego. O que a diferenza do común das mulleres non é só a súa riqueza, senón que é quen de ler o arameo.

Esta muller, feliz ata a extenuación, xuntou coa forza dunha paixón adolescente o amor e o matrimonio nun tempo en que adoitaban estar separados. Tivo unha única desgraza na vida, non puido aturar o que ela considerou a traizón do home.

Deboura Cinema: Pedro Cabaledo

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(3)




É o pai de Bieito. Ricohome da cidade de Tui, respectado por cabal e boa persoa cae nas redes tendidas polo inimigo do seu fillo o Bispo Xoán, señor e amo da Vila.

Comerciante esmerado en xílgaros e viños non é nobre, pero posúe os mesmos privilexios. Verá a súa vida turbada por a rifa entre Bieito e o Bispo que aínda que lle é allea, vai convertelo na súa principal vítima.

Pedro Cabaledo é o arquetipo dos vilegos que a partires do século XII fixeron nas cidades un reduto de resistencia contra o atraso e a escuridade que impuñan os grandes señores daqueles tempos. Punto de partida da prosperidade que gozarían algunhas das nosas vilas.

Deboura Cinema: Destreza

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”
(2)



Secuestrada polos piratas normandos que asolaron as costas galegas naquel tempo, foi liberada pola familia de Bieito Dubidoso no primeiro dos prodixios que este, aínda neno, executaría á vista da xente.

Dende aquela, ficou como compañeira inseparable de xogos e aventuras, de desgrazas e felicidades.

Manterían un amor apaixonado sen palabras nin recoñecementos, medorentos, tal vez, de estar a cometer unha equivocación.

Deboura Cinema: O pequeno mago

Deboura Cinema presenta os personaxes de “O pequeno mago”       
(1)



Bieito Dubidoso é o protagonista da historia. A súa vida abarca o período de florecemento político e cultural máis salientable de Galicia, e ao mesmo tempo coincide co auxe das grandes peregrinacións a Santiago de Compostela.

Nace en Tui, cidade equidistante de Braga e Compostela os dous grandes poderes eclesiásticos galegos en conflito. Dende novo, a súa portentosa habilidade cos xogos de maxia e o seu carácter pousado propiciarán a súa proximidade aos protagonistas históricos da época.

Despois de todo, o noso Bieito puido existir, aínda que se cadra usaría outro nome.