As paisaxes en "O pequeno mago" (1)

Deboura Cinema presenta as paisaxes de “O pequeno mago”
Toda acción é debedora dos personaxes ca executan e estes son dependentes das paisaxes, que son o medio no que os seus actos han de suceder.

Temos falado dos personaxes de "O pequeno mago". Entre o feixe que compoñen a historia, fixemos unha escolma de quince. Máis por simpatía, se callar. que por importancia. No mesmo número, e a seguir igual criterio  poremos a continuación quince parágrafos sobre once paisaxes da película, co desexo que lle gusten aos que teñan a paciencia de léelos. Temos pedido emprestada a voz da descrición á novela Bieito Dubidoso, para non ter que tirar de fotografías que naquel tempo non había.

TUI (1)





Lugar de nacemento dos Cabaledo

“Nacera Bieito Dubidoso na cidade de Tui, punto equidistante entre as capitais galegas de Compostela e de Braga, e polo tanto lugar de máxima tensión nas súas disputas e nas dos dous arcebispados que as gobernaban.

Xelmírez, arcebispo de Compostela, comezara as discordias co roubo dunhas reliquias que pertencían á diocese de Braga, entre elas a moi milagreira de san Cucufate, así como o corpo incorrupto de san Frutuoso mártir, no intento de franquearlle calquera concorrencia ás peregrinacións xacobeas. Esa guerra intermitente –que remataría na partición do reino de Galicia en dous, ao se converter o condado de Portugal en reino grazas á axuda interesada das autoridades de Roma (Bula do papa Celestino II, ratificada por morrer denantes chegar os documentos asinados dende Portugal, pelo seu sucesor Lucio II) –, foi o escenario onde a maxia de Dubidoso se mostraría diante dos ollos admirados da xente, pois a súa vida, que transcorreu entre os anos 1143 e 1225, coincidiría como nunha conxunción de astros coa época máis fermosa da historia de Galicia, a súa terra.