As paixases en "O pequeno mago" (2)

Deboura Cinema presenta as paisaxes de “O pequeno mago”
RÍO MIÑO(2)


Aínda non era o río Miño a Raia fronteiriza entre o Reino de Galicia e o Condado de Portugal, pois esta separación marcábana os confíns do río Cávado perto da cidade de Braga.

Estamos nos comezos do conto de “O pequeno mago”. Uns piratas normandos desprázanse polo brando coitelo de auga que cortará máis tarde a Galicia en dúas partes, converténdoas en ambos dous reinos: separados para sempre o Portugal e mais a Galicia. Bandidos ao asalto marchando ás présas, vogan silandeiros sobre as súas augas, embozados na tardiña. E o guión cóntalo así:

Nas marxes ningunha edificación. Atardecida a luz contra o observador, cinco barcos de velas de coiro, bastos mascaróns de proa e remos de vigoroso pulo aproxímanse cara á cámara, pegados ó arboredo da beira do río. Só un plano próximo permite ver os detalles pois debido ó sol baixo da tarde no primeiro enfoque son a penas unha sombra escura que se move velozmente empurrados polo movemento rítmico e vizoso dos remos. Sixilo.

No mesmo río comezan a verse algunhas casas nas marxes. Un enfoque lateral dos navíos (agora recoñécense claramente viquingos) permite que os espectadores miren a imaxe dende perto dun viquingo xigante, de cabeza pequena, suxeito ao pau da vela ­–ou suxeitándoa, que ben non se pode saber pola comparanza desproporcionada dos volumes de ambos dous: cousa e home–.Un outro, homiño de grandes bigotes e baixote, tanto que case os arrastra polo chan, dá un salto a ombro do xefe, e quedando alí prendido tal un loro, bísballe á orella mentres que sinala un can, que lles late dende unha torre de madeira posta as agachadas entre as árbores da beira do río.

O xefe viquingo olla cara alí.